Opinión

Remangarse

Non pensou Benedicta que lle darían o Goya á mellor actriz revelación polo seu rol protagonista en O que arde. De feito, non o quería. Nun mundo de carreiras de fondo por sermos recoñecidas máis alá do doméstico e dos certames de beleza, a ela non lle gusta competir. Pero escoitou o seu nome, subiu ao escenario e entón… remangouse. O xesto foi sublime porque, aínda que a intención era algo tan cotián como gardar un pano na manga, converteuse na metáfora dunha gala do cinema marcada, ademais de por un humor manido e gratuíto ata o sopor, pola náusea machista.

Desde os que se preguntaban nas redes que mérito pode ter que unha “señora maior” interprete a unha “señora maior” e os que criticaron cada xesto de Silvia Abril por reivindicar o papel das actrices máis alá dos corenta; ata a polémica “crónica” –peza, texto, cousa– que sinalou a talla da actriz Itzíar Castro e chamou “carne de revista feminina” a Sara Sálamo e “complemento” a Begoña Gómez, directora do IE Africa Center, pero máis coñecida por ser a muller do presidente do Goberno –ausente na gala, coa mala sorte de que a autora do despropósito decidiu invocala e cosificala–.

Na mesma gala outorgábaselle a Pepa Flores o Goya de Honra á súa traxectoria. Unha Pepa, ou Marisol, que foi explotada, abusada e acosada e que coherente e respectablemente, tras 35 anos afastada do ollo público, decidiu non acudir. Aínda así, non puido evitar unha nova persecución e o xuízo público de quen non respectou a súa decisión. Imaxineina na súa casa tirando polas mangas da camisa. A todas elas. Porque sempre toca remangarse.

Comentarios