Opinión

Rebumbio

Se hai algo máis aborrecible que o ruído é o rebumbio. Ese son constante e desordenado que conta co nivel de decibelios xusto para que o deixemos estar, ese barullo desagradable que penetra no noso corpo causando, sen que apenas saibamos vencellar unha cousa coa outra, un abafante desacougo, só remata cando atopamos un remanso de paz. Pensen na paz que nos queda cando apagamos a campá extractora da cociña, cando pechamos unha ventá para poñer sordina ao bulicio da cidade ou cando rematou o balbordo deste mesmo sábado na Praza do Obradoiro despois de que, no canto dun minuto de silencio, resoara o rexistro sonoro dun parque eólico. "Agora imaxinade ter un ao lado da casa", convidou a organización da manifestación contra a proliferación masiva de proxectos de megaparques eólicos en Galicia. Como en tantas protestas convocadas na capital galega, confluíron manifestantes e centenares de ollos curiosos de peregrinantes, coa diferenza de que a barafunda eólica acabou por botar da praza a estas últimas. O único que querían oír eran as campás (as da catedral), e non as culpo: o máis probable é que a meirande parte delas seguro que sabe o que é unha extractora, pero non un parque eólico.

Mentres nos sorprendemos da paz obtida co simple xesto de apagar un electrodoméstico da cociña, a elite empresaria reparte xeoestratexicamente o barullo alí onde pode. Galicia é un fogar suculento para o bruído eólico. Abonda con dar un paseo pola contorna de Carnota para lembrar a escena do Quixote e os xigantes e pensar que, se o da Mancha estaba tolo, había de ser polo rebumbio.

Comentarios