Opinión

(Re)descubrir

Din por aí que de toda crise xorde unha oportunidade. Eu non o sei. Non estou segura de se, despois destes días pechadas na casa mentres o mundo trata de sobrepoñerse a unha pandemia, imos aprender a pintar, a facer ioga ou a falar outro idioma. Dubido se seremos quen de ser mestras culinarias ou poñernos máis en forma que en toda a nosa vida. A rede non me convence. Se existe tal ocasión, tal como eu a vexo, está en volver ás orixes, antes de que as pantallas e o sentido da obriga pensasen por nós.

Eu veño de redescubrir o pracer natural de escoitar os paxaros. Non é só cousa das rúas baleiras: lembrei que é algo que facía de pequena e non comprendo por que deixei de facelo. Outro día, volvendo da compra, sorprendinme fitando as fachadas dos edificios do barrio como se fose a primeira vez e quedei no sitio ao reparar nunha xanela pola que, alá por 1998, asomaba todas as tardes unha señora coa que sempre falaba. Recordei que, de nena, falaba moito coas vellas. Falaba e escoitábaas e, ás veces, íaseme o tempo e rifábanme na casa. Que sería daquela señora? Morrería? Conclúo que debeu morrer. Pasaran máis de vinte anos dende que pensara nela por última vez.

É posible que as horas de reclusión nun entorno novo a incerto nos permitan volver a aquel tempo no que todo era descubrimento, cando nos sentiamos libres e espidas e a vida non nos comía a nós porque nós queriamos comernos a vida. Como Siri Hutsvedt, síntome coma se, sentada no café Hungarian Pastry Shop, a Cláudia do presente conectase en harmonía coa Cláudia do pasado. A oportunidade é (re)descubrirnos a nós mesmas.

Comentarios