Opinión

Política antipersoa

Antonio Tajani recibiunos nunha pequena sala de reunións habilitada na sede da Comisión Europea. Vestido de traxe azul, o mesmo azul do sofá no que sentamos para facer a entrevista, sinalou con xactancia o pano dun azul máis brillante que presidía o cuarto. O entón vicepresidente do executivo comunitario e comisario de Industria, membro fundador de Forza Italia, aferrábase á bandeira da Unión Europea como escudo protector ante unha pregunta que prevía inminente: o seu cabaleiro político, Silvio Berlusconi, acababa de ser condenado por fraude fiscal polo caso Mediaset.

A institución, nada menos que a que destaca entre os seus valores “respectar os dereitos e liberdades fundamentais”, pero tamén o cargo, dábanlle a Tajani o poder da lexitimidade. Alí o seu xefe era o presidente da Comisión, Durão Barroso, e non era de interese, dicía, en Bruxelas (nin en ningures) o que el tivese que dicir sobre a condena a un dos políticos máis corruptos do mundo, do seu propio partido.

Poucas semanas despois, 400 persoas migrantes morreron no naufraxio da barcaza na que viaxaban nas augas azuis de Lampedusa. Italia declarou o loito nacional. O destino da extrema dereita italiana e o da política migratoria en Italia dende entón, xa o coñecemos.

Lembro aquela sala mentres vexo a Tajani nas fotos xunto á primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, e o vicepresidente Matteo Salvini, e penso se se sentirá máis cómodo agora como ministro de Asuntos Exteriores nun goberno ultra e antiinmigración que, lonxe de declarar o loito en Italia, presiona a Bruxelas para blindar as fronteiras.

A imaxe ilustra unha nova sobre o polémico vídeo no que, en plena traxedia tras o naufraxio dunha barca de migrantes na localidade calabresa de Cutro, Meloni e Salvini entoan xuntos La canzone di Marinella, unha canción sobre unha moza tamén calabresa que morre afogada.

Tajani, soberbio unha vez máis, aferrado hoxe á bandeira dunha política antipersoa lexitimada nas urnas, saíu axiña en defensa dos seus colegas de goberno, lamentou a “traxedia” de Cutro e lembrou, deixándoo para o final, como todas as cousas importantes, que as fronteiras “hai que defendelas”.

Comentarios