Opinión

Pola ventá

A casa da miña avoa daba a un patio interior enorme onde podías observar con moita claridade a vida cotiá da veciñanza. Así é como pasei moitas tardes, asomada á ventá, escrutando e compartindo un microcosmos que só existía naqueles centos de metros cadrados. Un día, xogando co eco, púxenme a cantar agardando que alguén saíse a escoitar pola xanela. Pero o que recibín a cambio foi moi distinto. "¡Niñaa! ¡Cállate! ¡Que molestas!". Dun fiestrazo, aquela muller puxo fin ao meu concerto.

Durante o confinamento estamos a ver veciñas saíndo á fiestra a aplaudir ás oito, a cantar ás nove e a insultar a calquera hora a unha persoa que está a ser detida, mesmo con violencia, sen coñecer o contexto; ou a increpar e cuspir ás sanitarias que simplemente regresan do seu traballo. Coa constante crispación desa cidadanía alporizada que insulta nos grupos de WhatsApp, a figura dos lapidarios das ventás tardaba en aparecer. Son a mostra da pésima canalización dunha histeria colectiva que de maneira urxente ten que rematar porque ningunha persoa é exemplo de nada. 

Moitas das que hoxe berran, insultan e cuspen ás que pasan pola rúa e que acto seguido van á cociña a por un bol de patacas fritas son as mesmas que mañá coparán as citas cardiolóxicas do sistema público de saúde. Asumamos que pola fiestra, igual que aplaudimos e cantamos, vomitamos todos os propios medos, vergoñas e frustracións. As xanelas son poderosas canles de expresión, mais non confundamos esa liberdade cunha violencia que agocha as nosas miserias. Que tire a primeira pedra quen non teña pecados que guindar pola ventá.

Comentarios