Opinión

Pobres

Éde sabedoría popular que non é máis rica a persoa que máis ten, senón a que menos necesita. E logo están os pobres. Os pobres, esa designación brutalmente estereotipada e lingüisticamente masculinizada que inclúe a tantas e exclúe a moitas. Esas 655.000 persoas que, só en Galicia, segundo os datos de 2019 de EAPN Galicia, están en situación de pobreza ou exclusión sen as necesidades máis básicas cubertas. 32.698 máis que o ano anterior. Sen pandemia. 

O xornalista vasco Ander Izagirre lembraba nunha columna ás portas do Nadal a todas as persoas sen recursos que carecen dun teito para durmir, mesmo cando o frío irrompe con toda a súa virulencia. Comparábaos, nun símil moi acaído, cos mesmos María e Xosé que procuraban calor nun presebe, unha historia que hoxe conmemoramos con esa economía da atención que nos leva con fervor ao Novo Testamento, e non a Moria, Arguineguín, Madrid ou Vigo. Vigo, onde un home sen fogar faleceu a principios de mes, en plena vaga de frío, e onde un xornal, baseándose na comunicación oficial do concello, titulou “Falece un indixente que rexeitou durmir baixo teito”. “Estívolle ben”, semella que lles faltou por dicir.

Cun cóctel na axenda mediática a base de asalto ao Capitolio estadounidense, de virus pandémico e dun Madrid (Madrid, Madrid, Madrid, Madrid…) en caos pola neve, a atención volve novamente a deixar no ángulo morto ás persoas que nada teñen. Ás da Cañada Real. Ás refuxiadas. Ás das rúas, que medran. Non así á factura da luz, que preocupa tanto nos nosos fogares. Non sexa que, se nos despistamos, acabemos como elas. Pobres de nós.

Comentarios