Opinión

Patti e nós

Teño unha amiga que soña, coma min, cun cuarto propio. Ela sóñao cun floreiro cheo de peonias e unha ventá con vistas ao mar. E eu, que nunca tiven máis imaxinación para visualizar o meu que poñelo igualiño que o de Virginia Woolf, aférrome á súa idea. Mentres agardamos polo cuarto, ela regálame libros. A maioría, libros escritos por outras mulleres que teñen ou imaxinan o seu habitáculo particular. A última foi Patti Smith e a Devoción que, dous días despois, xa case devorei por completo.

Convidada pola súa editorial francesa a participar nunha rolda de prensa sobre a arte de escribir, Smith prepárase para viaxar a París cunha equipaxe de desorde, libros e un caderno que se resiste a abandonar a páxina en branco. “Unha escritora que non escribe vai falar cuns xornalistas sobre a escritura. Vaia sabichona”, reflexiona antes de poñer un pé na capital gala. No que duraron esas liñas, sentinme Patti Smith. Logo lembrei que despois escribiu o libro que está a ser a miña delicia da semana. 

A conclusión sobre o que nos pasa, querida compañeira, semella simple: lemos mentres non podemos construír o espazo idílico da escritura que desexamos. Non a rápida, non a urxente nin a puramente visceral: falo da escritura que se goza nun remanso deleitoso de meses, días e horas; a que perseguimos incansables mentres afogamos no tempo que remata e a enerxía mental que se esgota; a que atopou tantas veces Almudena Grandes, e pola que centenares de persoas lectoras converteron un funeral nunha biblioteca cimentada na emoción. Un cuarto propio, amiga, será a nosa revolución.

Comentarios