Opinión

Paren o telexornal

Reporteira nova está en pleno directo. Un home crúzase no medio da cámara ou saúda dende atrás. Ás veces, simplemente sae da nada. E bícaa. Sen mediar palabra e a miúdo sen que ela poida velo vir. Pero a profesional ten que continuar traballando. A súa cara encarnada, os ollos vidrosos ou a fronte engurrada –ou todo ao mesmo tempo– delátana, mais aquí non pasou nada. No plató, un silencio incómodo e un elefante rosa na habitación porque the show must go on. Esta semana volveu pasar: a protagonista, a xornalista Raquel Guillán, e o medio, a Radio Televisión Canaria. O acontecido xa é un clásico, pero de novo fíxose viral.

Está claro que o asunto provoca interese, indignación e carraxe e, de feito, converteuse en nova, pero non na emisión en directo. Imaxinen que a reporteira, no canto de acoso, sufrise un roubo. O home achégase a ela, róuballe a carteira e bota a correr. Que faría a xornalista? E o presentador? Daría conta o Piqueras de turno do roubo que acaba de ocorrer en directo diante dunha cámara da cadea de televisión na que traballa? Aposto que sí.

As agresións sexuais acaparan a atención mediática cando hai mobilización social e rebumbio nos xulgados, pero aínda nos custa recoñecelas e condenalas cando suceden diante dos nosos ollos en rigoroso directo. É un clásico, e no canto de normalizalo, deberiamos comezar a incluílo no noso código deontolóxico. Diante do acoso e a agresión sexual, paren o telexornal.

Comentarios