Opinión

Pantasma

O domingo vimos unha pantasma. Unha moi viva e política, das que continúan presentes nos parlamentos aínda que xa non estean. A entrevista de Jordi Évole a José María Aznar volveu reavivar a polémica daqueles últimos noventa e primeiros dous mil, esa política que volveu resoar en forma de ETA, kale borroka e “España va bien”, provocando unha indignación nas redes de usuarias pasmadas coa insistencia do expresidente español en defender as súas accións e as súas mentiras.

Sabe moi ben Aznar que a mentira que se di moitas veces acaba sendo verdade. Como tamén sabe que para manter unha mentira no tempo hai que ser, como lle formulou o xornalista, “o puto amo”. E el ría porque, efectivamente, así é. Un cínico de Estado, inspiración de Riveras, Casados e Abascais que non logran igualalo, afeito a tomar decisións nun salón con outros catro cos que conforma o sistema. Aznar é o amo porque nunca pediu permiso para entrar: xa estaba aí, co seu traxe de home de Estado, repartindo sermóns a contribuíntes, opositores ou direccións xerais de tráfico; e 25 anos despois aí continúa, defendendo a súa teima coas armas de destrución masiva ou con que ETA estivo detrás do 11-M, mentres culpa a Rajoy, ao CNI, ao exdirector de El País, ao seu ex xenro e a calquera que se lle poña diante para demostrar que todos se equivocan, menos el.

Aznar non ten ínfulas, é unha ínfula. A ínfula política feita home (branco, europeo, machista, conservador e orgulloso liberal), que continúa movendo os fíos como unha pantasma moi viva que mata a todo o que intenta matala. E con ese poder, quen quere eleccións.

Comentarios