Opinión

Outono

Chegou o outono e volveron as semanas a ralentizarse. É como se o tempo, co frío, no canto de encoller, se dilatase nunha longa noite anticipada por solpores mediocres ás oito e media da tarde. Volven os camiños e as estradas ateigadas de follas e ourizos das castañas, e os pés enclaustrados que regresan á casa fuxindo da escuridade. Non custa comprender a razón pola que o outono transforma o tempo se entendemos o que fai o noso cerebro cando minguan as horas de luz. Por iso nunca entenderei a romantización que fan algunhas persoas desta estación e as súas cores. Para a cor, é indispensable a luz; para a luz, son incompatibles os horarios de oficina. 

Instálase o outono e nós pechámonos, envolvémonos en prendas quentiñas e prendemos aparellos e lámpadas que nesta altura non sabemos se poderemos pagar. Gorecémonos en libros, películas e maratóns de series mentres os meses pasan, con facturas grosas e peles pálidas. Para nós, ionquis da vitamina D, semella como se todo o semestre fose un trámite mentres soñamos coa primeira caña na terraza con vistas ao mar, o primeiro baño no mar do ano e as camisolas de manga curta. O soño estival é o único que nos reconforta cando, sen moito aviso e en pleno outubro, a melatonina e o cortisol gañan a partida á hormona da felicidade. Canta envexa das que gozades de acampar na casa.

O resto, asumimos que este ano tampouco iremos pola rúa bailando baixo a choiva. Porque o outono –e sabémolo, aínda que sempre nola colen– non é un anuncio de grandes almacéns ao ritmo do trap cutre que está tan de moda. Deica abril, criaturas estivais.

Comentarios