domingo 11/04/21

Os reis

Pouca discusión existe sobre que o de Reis é o mellor día do ano. Ou, polo menos, así acontece no meu círculo máis próximo. Non é sinxelo explicalo, pero é o día no que a ilusión e a mellor das nostalxias percorren todas as persoas que coñecemos, incluídas as adultas. Nalgúns casos, sobre todo as adultas. Para min, o día de Reis é o único no que logro reconectar da maneira máis intensa coa Cláudia pequena, coa que pegaba un chimpo da cama ás 9 da mañá cun mollo de nervios e devezos no estómago. Co paso do tempo, esa ilusión permanece.

Comprendín que non eran os agasallos os que mantiñan vivo o espírito dos Reis Magos. Era o groliño de coñac no salón que deixabamos servido antes de ir para a cama e que desaparecía á mañá seguinte. Era o zapatiño colocado no seu recuncho para que os Reis soubesen onde colocar os presentes. Era o ritual de espertar o meu irmán tirándome enriba del con brutalidade nerviosa. Era almorzar roscón todas xuntas coa radio posta e o sorteo do Neno e lembrar ás que non teñen almorzo. Era ir á casa da miña avoa e abrazala con forza, sentir o seu calor e ver brillar os seus ollos por ternos reunido.

Todas aquelas mañás de Reis, que na miña familia remataban á noite, foron mudando co paso dos anos sen que a miña ilusión de nena se desvanecese. Porque cada 6 de xaneiro volvo recuperar todas esas sensacións coma se nada mudase e as persoas queridas estivesen presentes. É tan difícil de explicar como fácil de rememorar. Terán escoitado dicir a moitas persoas maiores que aínda cren nos Reis Magos. Recoñezo que son unha delas.

comentarios