Opinión

Os ollos

Vivimos un tempo de escasas certezas sobre case todo. Tanto ten que Internet estea pragado de verdades absolutas que non son verdades en absoluto. O virus chegou e non fomos quen de vencelo porque aínda non o coñecemos. O único totalmente certo está nos ollos, espellos de moitas almas apáticas, tristes e en continua desorde emocional nunha nova situación de incerteza e desacougo. Os ollos son o espello da alma e esta crise destapou moitas almas doentes para as que nunca acaba de chegar a paz.

A saúde mental é unha das tarefas pendentes que novamente volveron quedar polo camiño nunha Galicia na que 30.000 persoas teñen un certificado de discapacidade por enfermidade mental e nun mundo no que o 25% da poboación sufrirá algún tipo de trastorno mental ao longo da súa vida.

FEAFES Galicia vén de publicar pautas como respectar os espazos persoais na convivencia, evitar a sobreinformación ou facer exercicio físico; o Colexio de Xornalistas divulgou entre as súas asociadas un servizo gratuíto de atención psicolóxica impulsado pola asociación EMDR España; e algúns concellos contan cun número de teléfono específico de atención psicolóxica. Medidas moi benvidas que tamén nos indican que nesta vida ninguén nos ensinou a xestionar correctamente as nosas emocións.

A certeza é que cando nos doe o corpo sabemos que medicación tomar, pero cando nos doe a alma sentímonos soas, ansiosas, desamparadas, en desacougo. Se miramos ben, verémolo nos ollos das que temos diante. Porque as máscaras de protección, que van ser o noso principal complemento durante bastante tempo, deixan espidos os ollos.

Comentarios