Opinión

Ollar a música

Hai unha muller vestida de negro na marxe dereita do escenario. Practicamente non existe se unha non a mira, pero o que está a facer é igual de grande e seguramente máis importante que o que está a pasar no centro. Coas mans, coas expresións da cara, con diferentes ritmos corporais e unha particular danza como resultado, ela e a compañeira coa que se aquenda cada dez ou vinte minutos non traducen, non condensan nin sintetizan, senón que interpretan para quen non pode escoitar. Polo menos, non como a maioría dos seres humanos entendemos a escoita. As dúas mulleres están a comunicar todo un universo que discorre en paralelo ao que acontece no centro da escena, que é, nin máis nin menos, unha gala de premios a diversos proxectos culturais en diferentes modalidades, con música incluída. Non podo deixar de miralas e pregúntome se todo o público reparará nelas do mesmo xeito ou se é unha teima das que fixemos teatro un tempo das nosas vidas, afeitas a non perder nin un detalle do que pasa sobre as táboas.

O corazón aceléraseme cando chega o momento musical. A voz doce de Su Garrido, a intensidade do piano de Katerina Linke e a fricción melancólica das cordas do violonchelo de Susana Blanco reprodúcense a través das mulleres de negro coma se estivesen sumidas nun transo. Vexo perfectamente como as intérpretes van un paso máis alá da simple tradución da letra das cancións: móvense co tempo, emulan os instrumentos, xesticulan emocións, transmiten a harmonía. Podería dicirse que están bailando, se non fose porque a danza é só unha milésima parte de todo o que a lingua de signos pode chegar a transmitir. Nese momento quixera tapar os ouvidos e percibilas só a elas para comprobar, sen un chisco de escepticismo, que así tamén podo escoitar a música das Son Trío, o solo do chelo, a forza dos acordes e o murmurio vocal da cantante.

Pregúntome tamén quen sería capaz de inventar un universo a partir de tantos outros para que as persoas con hipoacusia ou calquera tipo de dificultade auditiva poidan acceder sen atrancos á galaxia dos sentidos. A enciclopedia virtual fala de varios inventores dunha linguaxe para que as persoas mudas puideran expresarse, pero non é tan sinxelo atopar quen creu por primeira vez na marabilla –e o dereito­­­– de ollar a música. Iso que, por certo, tantas veces nos esquece a quen si podemos escoitala.

Comentarios