Opinión

Ocupadas

Aurelia tiña 85 anos cando un abafador dispositivo policial tratou de desafiuzala do piso da Coruña onde vivía de alugueiro dende había tres décadas. Era o ano 2012, cando o 15-M sacudira forte as ás da mobilización social e a veciñanza, arremuiñada durante días no portal co apoio dos bombeiros, conseguiu paralizar o desaloxo daquela octoxenaria, que cometera o delito de atrasarse no pago de dúas mensualidades.

Aquela historia tivo arranxo, mais antes e despois houbo moitas máis Aurelias e casos moito menos mediáticos. Houbo embarazadas, menores, maiores e persoas dependentes expulsadas da casa pola forza. Aconteceu tras a crise de 2008 coas hipotecas e coas persoas refuxiadas e volve acontecer agora, no medio dunha crise sanitaria e económica, coa criminalización do movemento okupa. Nas grandes crises o gran dedo índice teima en sinalar os colectivos máis vulnerables para lembrarnos que non hai para todas. Sobre todo cando unhas poucas levan sempre os anacos máis grandes da torta.

Dise das okupas que usurpan, que ensucian, que son un gasto. Como coas refuxiadas, algúns medios de comunicación dan estes días unha sensación de avalancha e xeran alarma social, cando os datos reflicten que as okupacións de primeiras residencias son unha excepción e que a gran maioría das vivendas okupadas están baleiras: o 13,7% en España. Con xente sen casa e casas sen xente, o normal sería pensar que non hai maior okupa que unha entidade bancaria. Mais estamos demasiado ocupadas criminalizando a okupación como para reivindicar definitivamente e sen fisuras unha vivenda digna para todas.

Comentarios