Opinión

O que máis queremos

Valeria non sabe que o voo que está a piques de deixala en Madrid non serviu para nada. Non sabe que o traballador da inmobiliaria co que quedou para ver o piso que quere mercar non se vai presentar. Non puido sospeitalo cando o home riu a gargalladas ao vela uns días antes por videochamada, cuestionando a súa capacidade económica para mercar un inmoble na capital de España; cuestionando que alguén con ese perfil de muller nova puidese ser a dona da súa propia empresa. Por moito que o xesto fose digno de todo desprezo, ela xa tomara a difícil decisión de mercar o piso e non lle pasou pola cabeza que un presunto profesional do mercado inmobiliario puidese ser capaz de facela viaxar dende Tenerife para deixala plantada. Cando chegou non o podía crer. Non só comprobou que el non se presentara, senón que, de súpeto, a empresa non figuraba por ningures. Borrara o seu perfil público, tal como ela mesma denunciou nas redes. Como reclamar a unha compañía que non existe e cuxa única representación coñecida non se presenta?

Na outra cara da mesma moeda, miles de persoas mileuristas non poden permitirse acceder a unha vivenda independente, co prezo dos alugueiros cada vez máis desorbitado: 10,8 euros o metro cadrado no Estado español. Hai un tempo –non moito– mercar ou alugar unha vivenda supoñía, con frecuencia, falar coa persoa propietaria, chegar a un acordo económico e negociar certas condicións antes de entrar a vivir. Ese acordo levaba implícita unha confianza mutua, unha familiaridade por parte de quen ostentaba o inmoble e de quen o abría ao mercado que, igual que a inmobiliaria que lla xogou a Valeria, xa non existe. O negocio inmobiliario rachou o pacto social entre iguais e deshumanizou a vida. "Evita desgustos. Protexe o que máis queres", bombardean os anuncios das compañías de alarmas ao tempo que os grandes medios alertan a diario sobre o movemento okupa, no Estado dos 3,4 millóns de vivendas baleiras. As empresas de alarmas e os portais de anuncios inmobiliarios fixeron o seu agosto: as dúas principais entidades de cada sector facturan en conxunto uns mil millóns de euros ao ano. É o agosto dos que viven da xente sen casa e das casas sen xente. "Protexe o que máis queres", repiten, unha e outra vez. E eu pregúntome como van saber o que máis queremos aqueles que viven da nosa desprotección.

Comentarios