Opinión

O outro

O mundo é unha gran conversa. Así é como o entendemos todas as persoas que traballamos nos medios de comunicación social. E por iso sabemos tamén que os temas que nos ocupan a maior porción do tempo e do espazo son hoxe o trending topic. O coronavirus é o trending topic máis lonxevo da historia, o que a priori supón un bo síntoma da vontade de coñecer, atallar e superar a que será a maior pandemia do noso tempo, de non ser pola perversión das fake news e a economía da atención que agora nos caracteriza, xogando en contra da nosa natureza mental.

Mentres ignoramos que o mundo das novas normalidades continúa a xirar tamén coas vellas, non estamos a falar de todo o demais. Cando falamos de economía, falamos de coronavirus. Cando falamos de ocio, falamos de coronavirus. Cando falamos de saúde, falamos de coronavirus. E todo o outro, perfilado agora como secundario ou superfluo, é como se xa non existise, como se se disipase de súpeto nunha sorte de universo paralelo intanxible, nostálxico, onírico. Irreal.

Hai uns días souben do suicidio dun señor. Parece que foi polo do virus, escoitei, comprendendo no momento que non se referían a que o home contraera o virus, senón á fonda ferida que a insólita situación causara na súa saúde mental. Morreu sendo un enfermo de segunda nun mundo no que calquera cousa que non leve o apelido Pandemia perde interese. Non morreu polo virus. Morreu polo outro. Polo que xa estaba aí e para o que ninguén miraba cando aínda non sospeitabamos o que nos viña enriba. O outro é o burato negro que nos engole mentres miramos para o gran cometa.

Comentarios