Opinión

O fondo

Un murmurio percorre os corredores das UCIs, os centros de saúde e moitos grupos profesionais de Whatsapp. É un segredo en voz baixa que vai un paso máis alá das marcas na cara polas máscaras, a precariedade das profesionais eventuais, os EPIs que non chegan e os plásticos pseudo-protectores das bolsas do lixo. Canto máis perto estabamos do pico da crise do coronavirus, máis sonoro se veu facendo o mutismo de moitas profesionais sanitarias sobre o que poderíamos chamar “o fondo da cuestión”. Sabémolo as que recentemente tratamos de pechar algunha entrevista que a última hora nos foi cancelada. “Falei co meu equipo e mellor non. Tes que falar co gabinete de comunicación do hospital”, descúlpanse sen saber que explicación dar.

A rabia diante dunha resposta así é evidente: as xornalistas somos testemuñas da gana que teñen as sanitarias de contar o que sucede e de como, tras falar con Alguén, esa vontade muda nun sentido da responsabilidade exacerbado que as leva a autocensurarse. A pregunta parece obvia: quen é Alguén, que quere ocultar e por que?

As profesionais sanitarias son o 15% de todos os casos de coronavirus en España, que as afecta na atención hospitalaria e na atención primaria ao tempo que a precariedade sobrevoa unha crise sen precedentes. Vemos equipos improvisados, plásticos de cores, máscaras do Decathlon transformadas en respiradores. Pero non vemos (aínda) “o fondo da cuestión”. Confío en que Cando Todo Isto Remate falaremos con elas en profundidade de recortes, de persoal de primeira e segunda, de privatizacións. Falaremos, pero aínda non. Porque Alguén non quere.

Comentarios