martes 30/11/21

Novembro

Novembro levoume dous amigos. Un, de profesión. Outro, de catro patas. E os dous doeron como se me arrincasen un anaco da alma. Aínda que moitas persoas non o entendan, o dó é exactamente o mesmo por todos os animais da Terra cando o sentimento é forte, e estou segura de que o meu colega bípedo, que nos seus últimos meses de vida brincaba co seu samoiedo baixo o sol de Oza dos Ríos, estaría de acordo comigo. 

Con frecuencia penso na xente marabillosa que coñezo nacida en novembro. Agora tamén lembro á que se foi. Por primeira vez, entendín Sweet november, a película que visualizo sen falta todos os anos ao chegar o mes dos magostos. Representa novembro como un tempo de desconto, un agasallo para despedirse docemente, exprimindo o amor e a felicidade dunha vida con data de caducidade. Un filme no que o amor e a dozura van da man de dous bípedos como Charlize Theron e Keanu Reeves, sempre acompañados dos seus amiguiños de catro patas. Porque que tenrura sería esa sen eles. O cine e a crónica local están cheos de historias de cans que agardan eternamente aos seus humanos finados á porta dun hospital, e non tanto sobre a dor das persoas que perdemos a quen tanto nos deu sen pedir nada a cambio.

Parécenos normal que eles sufran máis porque asignamos unha superioridade emocional á humanidade totalmente inmerecida. Pero a verdade é que demasiadas persoas saben mellor onde teñen o embigo antes que o corazón.

Agora decátome de que novembro é o único que sei e o que endexamais quero saber. De que cada mes será un pouco novembro. Só por iso novembro é doce, a pesar de todo.

Novembro
comentarios