Opinión

Normalidade

Coida as que te coidan. A mensaxe impactoume directamente 60 días máis tarde. Eu, que atribuía ese consello de coidado case exclusivamente á sociedade en relación ao persoal sanitario desde que comezou esta crise, descubrín o seu poder real nunha felicitación de aniversario. Non era un parabéns, a ver cando o celebramos, por moitos anos máis xuntas. Era coida as que te coidan, ti que hoxe sumas un ano de vida, para cumprir xuntas moitos máis.

Agora que por fin Galicia pode saír á rúa, a realidade ponnos a proba fronte ao reto da “nova normalidade”. Tivemos que asumir o concepto de golpe como se nacésemos con el aprendido, pero o certo é que humanamente ninguén nolo explicou. Coñezo xente que está encantada e di que o contacto físico é innecesario e mesmo perigoso, que por fin chegou a conduta social que levaba agardando toda a vida. No outro extremo, as que se preguntan como non darlle un bico á nai despois de dous meses sen vela, como non fundirnos nunha aperta e tomar esa dose de calma e consolo característica de cada persoa á que queremos. Escoito unhas e outras e penso que todas están erradas.

Desde o lado das que tocan, bican e veneran o apreixo, quero a moitas ás que, cando lles vas dar un bico, poñen a dureza do pómulo no canto da tenrura da fazula. Elas cóidanme dun xeito distinto, e eu sei que as coido moito máis coa empatía que cos beizos. O agarimo e os afectos viven máis alá do contacto físico e a nova normalidade non é máis que un xardín diverso onde debe primar o coidado. Coidémonos moito, que xa volveremos á lea das hedras e dos toxos.

Comentarios