Opinión

No nome do amor

Na nosa cultura, o amor celébrase no mes de febreiro. Hai quen o fai pola Candeloria, "cando casan os paxaros", e hai quen conmemora o San Valentín, hoxe coa mente máis nas frechas de Cupido que naquel señor de Roma que casaba os soldados presos coas súas prometidas. Xa sexa por inclinacións católicas, pagás ou capitalistas, non deixa de sorprender o moito que teimamos aínda en celebrar o amor baixo un concepto romántico, ese que chanta os marcos das relacións de parella e a promesa da unión para toda a vida que tantos desgustos segue a dar miles de anos despois.
 
Toda esa literatura, filmografía e educación que nos foi tecendo no nome do amor agocha, en realidade, unha extensa homenaxe á dor que sentimos cando o que culturalmente entendiamos por amor acaba por nos esnaquizar. É tanta a presión do emparellamento, e tan elocuente o desengano, que xa se estableceu un día das persoas solteiras, entre as que se inclúen as divorciadas, as viúvas ou as que simplemente conciben a vida sen ese tipo de unión. Solteiras (lembran), pero non soas, infelices, incompletas ou desnortadas. 

O propio labor de nos recompoñer despois dunha separación é entendido baixo unha óptica errónea: a frase "refixo a súa vida" continúa a ser empregada pare designar ás persoas que, tras unha ruptura, se embarcan noutra relación. Non antes. Non sen outra ao carón. Non rotundo a contemplar como opción rexeneradora o maior acto de evolución na vida dun ser humano: o amor cara a un mesmo.

Hai uns días foise unha boa amiga, con 104 anos e rodeada de amor. Choreina e sorrín a un tempo lembrando o día que celebramos o seu centenario. Alí estaba toda a súa familia –que, a pesar de vivir ben repartida polo mundo como resultado dos anos que pasou na emigración, ateigou o aeroporto–, e tamén a familia escollida. Non tiña reparo en contar que fixo as maletas despois dun desengano que a empurrou lonxe, nin tampouco en agradecer todo o afecto que trouxo consigo e o que atopou ao volver. Aquel día bailou e cantou cun vestido prateado e brindou por ela mesma e pola súa xente. A semana pasada, decidiu empregar os seus últimos días en dicir adeus, ás fillas que a coidaron, á médica que a atendeu, á neta que escolleu aquel mesmo vestido. A 104 anos de vida no nome do amor.

Comentarios