Opinión

Netas e avoas

As avoas poden e deben ser imperfectas. Así o defenden autoras como Andrea Abreu, que na exitosa novela Panza de burro buscou representalas como mulleres con arestas, contradicións e dificultades de encaixe na idea da feminidade da época. As avoas son aire fresco porque nos ensinan a velas –e a vernos tamén a nós–, como perfectas por teren imperfeccións, contra todo o que sempre se nos dixo que debiamos ser. Como humanas de cuxos erros e incoherencias podemos aprender. Como inspiradoras do que queremos facer, e tamén do que non.

Descubrir que as avoas non son nin moito menos as idílicas amas da casa, e que iso xera nelas un profundo conflito que arrastran ata os últimos días de alento. Ás que viviron a represión franquista e ao mesmo tempo loitaron por manterse devotas dun nacional-catolicismo que as quería submisas. Ás que un bo día esaxeraron unha reuma, unha artrose ou unha insuficiencia respiratoria para non ter que volver pisar unha igrexa, pero continúan a rezar cada noite ao borde da cama. Ás que sempre quixeron gozar da sexualidade, pero nunca se atreveron a saír do hermético perímetro reprodutor.

Descubrir que o diálogo entre netas e avoas pode ser a catarse dun desencontro xeracional que, nalgún punto, atopa de súpeto un profundo entendemento, é mirarnos mutuamente nun espello que nos salva. Ver que aínda é posible reconciliarnos con nós mesmas, a pesar de todo. A pesar do que nos obstaculiza e nos oprime e que todas sabemos que existe, aínda que unhas lle chamemos patriarcado e outras, teño moito que atender. Non somos perfectas, avoa. Témolo que celebrar.

Comentarios