Opinión

Mundo de ‘os’

"Son unha a nun mundo de os”. A nena canta mentres pasea coa familia xunto ao río. É agosto e o planeta está tan candente como a meteoroloxía de Ourense, aínda que ela, que non terá máis de 8 anos, non o sabe. Ou quizais si. Unha busca rápida descóbreme que a canción aparece na película animada Vivo, e que o que a letra di realmente é “son un wow nun mundo de os”. De xeito consciente ou inconsciente, a pequena cambioulle a letra nunha probable mestura de conciencia social e inocencia infantil.

A 8.400 quilómetros, a reporteira da CNN Clarissa Ward relata dende Cabul a toma do poder por parte dos talibáns. Leva un al-Almira negro axustado ao marco da cara. Nun momento da reportaxe, os homes ordénanlle que se afaste. É unha profesional nun Afganistán con cada vez menos sobre o terreo, onde as mulleres están a ser borradas metafórica e literalmente. Mais Ward vese na obrigatt de explicar que sempre leva velo nas retransmisións na rúa, e non só como reacción aos talibáns. É un argumento similar ao esgrimido unha e outra vez pola catalá Mònica Bernabé, corresponsal durante oito anos no país. “Era unha ficción todo o que Estados Unidos nos vendía sobre Afganistán”, escribiu. 

Días antes, a ultradereita española lograba que Toledo retirase o cartaz onde a artista Zahara aparece caracterizada como unha virxe cun bebé no colo. Borrada. “Onde están as feministas?”, pregúntanse os tuiteiros de barra de bar sobre o que acontece no país islámico. Son estes, e non outros, os momentos nos que o mundo de os se lembra do feminismo. Sorte das nenas cantoras que nos salvan.

Comentarios