Opinión

Mulleres por catálogo

Coñecín a Montserrat Caballé durante a gravación do programa benéfico La Marató de TV3, dedicado ese ano ás lesións medulares e cerebrais adquiridas. A artista acudía coa súa filla e tamén cantante lírica Montse Martí para interpretar o tema "Seràs en el meu cor", a adaptación catalá da canción de Phil Collins "You’ll Be in My Heart". Cando tres estudantes mozas de xornalismo nos achegamos a ela para sacarlle unhas declaracións, Caballé mirounos dun xeito maternal e, escusándose porque tiña que marchar, espetounos: "Tede moito coidado co coche". Lembreime moito dela dende entón. Eran eses inicios no xornalismo nos que, cando tiñas a oportunidade de coincidir con algunha celebridade, descubrías que tamén é alguén que te mira, que te escoita e que ata se preocupa pola túa integridade física.

A obviedade de que o resto de seres cos que nos relacionamos son persoas é algo que decote nos esquece. Pasa cando nos afacemos a ver alguén por televisión, pasa nas redes, cando alguén nos ataca como non o faría se nos tivese diante, e pásalle a quen adoita situarse sistematicamente por riba de determinados seres humanos. Neste último grupo abundan os homes poderosos que cren que poden seleccionar, usar e escoller mulleres coma se fósemos pezas de catálogo. A Plácido Domingo esqueceulle que Caballé era unha persoa. "Sei que el non quere cantar comigo. Díxollo á dirección de Madrid, á dirección de ópera de Londres, e a cuestión que se me deu –e espero que me dixesen a verdade– é polos meus quilos e pola miña idade", contoulle a cantante a Mercedes Milá nunha entrevista dos 80. Despois de que o tenor se convertese na figura máis escura do MeToo en España tras a denuncia de numerosas cantantes, todas máis novas, as declaracións de Montserrat Caballé levantan poucos receos.

Non é fortuíto que as redes sociais recuperen agora esas declaracións porque, case nunha mesma semana, asistimos ao anuncio da ruptura de Leonardo Dicaprio con Camila Morrone –un acontecemento substancioso na prensa que reavivou a teoría de que o actor, de case 48 anos, non sae con ningunha muller de máis de 25–, á despedida das ondas de Fernando Ónega afirmando que un dos xeitos de "manterse mozo" é "casar cunha muller moito máis nova" e ás primeiras fotos de Clara Chía, a nova parella do futbolista Gerard Piqué, de 23 anos. Tantos séculos despois, o vello Aristófanes aínda pode descansar tranquilo.

Comentarios