sábado 23/01/21

Morrer de pé

A cultura morre, mais morre coa bandeira no alto. Así o afirmaba nunha entrevista Cristina Toba, creadora da sala de concertos da Coruña Bâbâ Bar, quen naquel momento só podía sospeitar que acabaría tendo que pechar. Diso hai só mes e medio. Esta semana anunciou que o local baixa o enreixado definitivamente.

A cultura ten ese aquel de que sempre está, por iso tendemos a crer que é indestrutible. E iso explica tamén ese sentimento de baleiro, tristura e impotencia cando a vemos morrer, combinado coa cara de parvas que nos queda pensando se podiamos ter feito algo máis por ela. Nós, vivas pero parvas. A cultura, ferida e desangrada, pero en pé.

Cando falamos de bares, de ERTE e de axudas públicas non falamos de cultura. Esquecémola porque a damos por sentada. Ignorámola porque sempre estivo aí. Pero a crise que vive o sector cultural comezou moito antes da pandemia, cando o capitalismo a converteu nun modelo de consumo que ten máis que ver co negocio que coa arte. Nun servizo para as masas que espreme e precariza as creadoras que non ceden aos ditados da industria e que presenta como creativo, novidoso e alternativo un fillo da masa nai á venda en todas as panadarías.

Non é necesario ter ido a moitos concertos, proxeccións ou obras teatrais para lembrar algún que nos chegase ao máis profundo. Desde o momento que o experimentamos pasa a formar parte do que somos porque a cultura é ese antídoto para a vida que cura a alma e enche o corazón, pero ao que ninguén dá a importancia que merece. E nós, parvas, pero vivas. E a cultura, en pé, pero ferida de morte.

comentarios