martes 14.07.2020

Modero eu

Seguimos aí. As mesmas que, na tele pública, fomos de novo minoría absoluta con dúas candidatas á Xunta de Galicia fronte a cinco homes. Dúas políticas válidas, nas antípodas ideolóxicas, que respectaron os quendas nunha confrontación digna de galos nun curral. Ana Pontón e Beatriz Pino puxeron a dialéctica e a serenidade, malia que toda a vida nos chamaron histéricas só por facernos notar.

Seguimos aí sabendo que a nosa loita non estaba desaparecida, senón relegada por un estado de alarma no que se rexistraron 8.412 denuncias en Galicia por violencia machista. No que traballamos o triplo. No que o 8-M foi culpabilizado dunha pandemia. No que se nos dixo que non era o momento de falar de feminismo.

"El mejor ejemplo de feminismo soy yo, que soy hombre", deixou ir o candidato da extrema dereita. "Modero eu", tivo que lembrarlle a presentadora minutos despois, nun debate sen apenas propostas en igualdade e no que o convidado ultra afirmou sen despeitearse que a violencia non ten xénero. Onde o presidente da Xunta, lonxe de censuralo, fixo a concesión de dirixirse a el en castelán.

As mulleres que opinan son perigosas. Volvérono dicir –e volveron acertar– Susana Pedreira e Diana López Varela no foro de mulleres columnistas de Pontevedra. Falamos de conciliación e da carga do teletraballo. De que seguimos a cobrar menos polo mesmo. Do mesmo conto nada romántico de sempre que remata cunha hostia de realidade que semellaba superada, e que agora é unha hostia con virus.

Modero eu. Goberno eu. Opino eu. Digámolo máis forte. E que non nos volvan deixar nun caixón.

comentarios