luns 18/01/21

Mileva

Mileva Marić é unha muller borrada. Ou case. A historia varreuna coa brutalidade do segundo plano, ocultándoa detrás dun Albert Einstein que para sempre será a cara coñecida da teoría da relatividade. Tanto, que calquera é quen de describilo con todo detalle e non a propia teoría. Mileva foi unha gran física e matemática. “Non estou a dicir que Einstein non o fora: digo que ela tamén o era”, escribiu nunha ocasión a autora Rosa Montero.

Diversas biografías sinalan que Marić tivo moito máis que ver no traballo de Einstein e no desenvolvemento da teoría da relatividade do que se coñece e existe unha discusión aberta entre as que acusan ao físico de queimar as súas cartas e os que o negan contundentemente, baseándose na existencia de misivas publicadas.

Como tantos matrimonios nos que os cónxuxes comparten carreira e admiración, Marić e Einstein traballaron xuntos e xuntos foron brillantes. Así o amosan os escritos que se intercambiaban utilizando a primeira persoa do plural. Mais o constante afán dalgúns expertos, todos homes, por comparalos, non elimina o feito de que o éxito de un non se entende sen o traballo da outra.

Tampouco se poden ignorar os testemuños que indican que Marić viviu un inferno no seu proceso de divorcio con Einstein en 1916 e que se viu na obriga de renunciar á súa carreira por exercer de coidadora do seu fillo, afectado dunha doenza mental. Estes días, as redes sociais recuperaron a historia desta científica para reivindicala hoxe, nun mundo onde as cavernas continúan reticentes a darlle a Mileva Marić o lugar que lle corresponde.

comentarios