Opinión

Matriarcado

Unha non é galega de pro se non a intentaron convencer de que Galicia é un matriarcado, ese pobo no que, independentemente do número de varóns, a autoridade é das mulleres. Eu críao e defendía a idea como unha tola, primeiro porque Galicia ten nome de muller –e que poético era!– e, segundo, porque ao meu redor o mando era “noso”. Logo decateime de que o mando era non poderlle discutir á mater familias por que tiña que comer sempre ela os anacos máis pobres da costela para que os filius levasen os mellores. “Con 90 anos vasme dicir ti o que teño que comer”. E punto e acabouse.

É tan trampulleiro o concepto de matriarcado que na vida real, por non poder, xa case non podemos decidir onde parir –pregunten en Verín– nin non parir –pregunten cada vez que se actualizan as cifras demográficas– nin cando. Isto último poderiamos preguntarllo a Ana Pontón quen, cunha meniña de 3 semanas, ten que quecer para a campaña electoral. A única candidata á presidencia da Xunta vai facer a renuncia de maior sacrificio polas eleccións anticipadas: a súa baixa maternal. Unha baixa que, como van sabendo tamén cada vez máis homes, é moito máis que dar o peito e durmir pouco: o todo por primeira vez, as miradas infinitas, a pel coa pel e todas esas cousas tan humanas como menosprezadas.

Gustaríame preguntarlle a Pontón se algunha vez calculou o momento de ter un bebé en función do calendario político. Tamén, por que non, ao presidente da Xunta, que nas pasadas eleccións galegas estaba a piques de ser pai. Do que si estou certa é de que nin Urkullu nin Feijóo nin Torra pensaron moito no matriarcado.

Comentarios