Opinión

Matilda

Cando Roald Dahl publicou Matilda en 1988 xa estaba a explicar a importancia da liberdade educativa na escola. Mentres a nai da nena acudía ao bingo e o pai procuraba novas formas de estafar a xente manipulando o contaquilómetros dos coches que revendía, aquela nena brillante e inqueda aprendeu a desenvolverse soa, tanto no coidado persoal como no seu desenvolvemento intelectual. Se os pais prendían a televisión, ela mergullábase nun libro. Se eles soñaban cunha mansión, ela facíao cunha biblioteca. Se eles prohibían, ela transgredía. Por iso non é raro que ir ao colexio se convertera nun agasallo para aquela nena atrapada nun ambiente doméstico mediocre e cheo de prexuízos, de orgullosa ignorancia, culto á banalidade e á avaricia e coa única cultura do lixo televisivo. Cando as habilidades da pequena comezaron a ser notablemente extraordinarias, os pais molestáronse. Non a comprendían. Non querían comprendela.

No transcurso da miña vida pregunteime moitas veces que tería sido de Matilda de ser forzada a marchar cos seus pais, fuxitivos da policía, a unha illa do Pacífico. Pero tivo a sorte de coñecer á señorita Honey, a súa profesora, o seu refuxio. O entorno de tenrura, tolerancia e sabedoría que a Matilda sempre lle faltara na casa estaba na escola. E só entón os pais, na primeira e única mostra de amor pola súa filla, recuaron e deixárona ser libre. Libre de expresarse. Libre de pensar e de expandir o universo infinito do coñecemento. O veto parental da protagonista máis famosa de Roald Dahl perdeu a partida contra a educación. E Matilda foi libre. E Matilda foi feliz.

Comentarios