Opinión

Maruxas e Coralias

O día que as ían desafiuzar, as irmás apareceron mortas. Non son parte da crónica negra nin tampouco un suceso illado que nos poida sorprender. As dúas mulleres de 70 e 79 anos que apareceron hai uns días sen vida en Santander son a crónica dunha morte anunciada pola violencia que supón a expulsión do fogar. O fogar, ese último recurso ao que agarrarse como a un cravo que ferve cando a vida che quita todo o demais. "Velas pola rúa, camiñando collidas do brazo, esfarrapadas e anciás, era desolador", escribe o xornalista de El Diario Montañés José Carlos Rojo. A veciñanza só pode dar testemuño da extrema vulnerabilidade na que vivían. Tanta que, chegado o momento, ninguén puido pronunciar o retrouso "non o podo crer".

O gume da inxustiza quixo que as irmás de Santander nin sequera soubesen que o día que as ían desaloxar non era ese. Contan os medios locais que a información sobre a moratoria non lles chegou, vulnerando tamén o seu dereito á información, e non só o dereito á vivenda. É o que ten vivir nas marxes do sistema, aínda que esa situación nunca se escolla.

"Os desafiuzamentos matan e son unha lacra para a sociedade", advertiu, por enésima vez, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca. Na concentración en repulsa pola morte das irmás, celebrada na mesma rúa Burgos onde vivían, criticaron a neglixencia do Estado, do Concello de Santander e do Goberno de Cantabria, que "rexeitan coordinarse coas plataformas de vivenda", e lembraron a responsabilidade dos bancos, os fondos voitre e os xulgados que desafiuzan incumprindo a lei, ademais de poñer o foco na vulnerabilidade das persoas maiores, para as que "non hai leis suficientes nin axudas mínimas". Son practicamente as mesmas denuncias que resoaban con forza en maio de 2011, no marco das reivindicacións do 15-M. Once anos e tres gobernos atrás.

"Pola rúa, camiñando collidas do brazo, esfarrapadas e anciás". Fáiseme difícil non pensar na distinta sorte que terían corrido Maruxa e Coralia Fandiño sen a caridade da veciñanza de Compostela nin a atención de quen as retrataron. Elas, a diferenza de tantas outras, non pasaron desapercibidas, con todo o bo e o malo que iso supón, porque as nosas Marías sufriron tamén os embates da miseria. A miseria de ser, sen escollelo, Maruxas e Coralias. Con ese vencello de inxustiza que fai que semellen todas irmás.

Comentarios