Opinión

Madrid, Madrid, Madrid

Levamos unha semana enteira, cos seus sete días e as súas sete noites, escoitando falar de Madrid. Non do Real Madrid, dos turistas de Madrid nin das decisións para todo o Estado que se toman en Madrid. Falan do Madrid dentro de Madrid, da xestión de Díaz Ayuso, do que di a oposición e o que di o Goberno.

Nun escenario digno de armisticio pos-Guerra Fría, a presidenta da Comunidade de Madrid e o presidente do Goberno compareceron nos medios nunha sala ateigada de bandeiras –a mesma na que moitas comparecedoras sinalan o nacionalismo como o peor cancro social– para dicir que Madrid volve entenderse con Madrid. Todo isto despois dos sete días nos que tivemos que escoitar como presentadoras, tertulianas, analistas, radios, televisións, xornais e cabeceiras dixitais bombardeaban co mesmo asunto mañá, tarde e noite.

Madrid somos todas, disque, e todo é Madrid. Díxoo Ayuso diante dun Pedro Sánchez impasible, alleo ao feito de que goberna unha vintena de territorios nun Estado de Autonomías ou, como el mesmo dixo hai tempo –e non volveu repetir desde que é presidente–, unha nación de nacións. Porén, non todas fomos Madrid en marzo, cando a capital de España era epicentro dos contaxios de coronavirus e pechala non era unha opción. Non fomos Madrid cando a oposición de Manuela Carmena cargou contra Madrid central, unha medida para reducir as emisións ao aire que respiramos todas. Cada vez cobra máis sentido pensar que ‘Galicia, Galicia, Galicia’ foi unha estratexia de Núñez Feixoo para que ninguén diga que só se fala de Madrid.

Comentarios