Opinión

Lume

Contan que o conselleiro de Medio Rural foi increpado por parte da veciñanza cando visitou o luns Vilariño de Conso, epicentro duns incendios en Ourense que levan calcinado estes días unhas 8.000 hectáreas, segundo os datos oficiais. “Hai xente con moito coñecemento en Galicia para saber onde teñen que plantar os incendios estratexicamente. Os galegos somos moi espelidos para poñer incendios, pero non para apagalos”, espetáballe un veciño mentres el recolocaba a máscara e procuraba que unha compañeira o rescatase.

Se Galicia fose un país normal, o debate dos lumes, quen os provoca e para que estaría integrado na sociedade, desde as urbes até o rural, pasando pola administración e as entidades ecoloxistas. Faríanse propostas, discutiríanse medidas e habería unha reformulación do plan forestal. Saberíamos como inflúen a despoboación, a mala xestión e determinadas especies non só nos incendios, senón tamén na sostibilidade dos montes, no medio ambiente e na economía. Até saberíamos como se chama o conselleiro. Pero ese debate non interesa. É a mosca que se pousa na perna cando unha está gozando do sol na praia. 

Nun país normal, a fonte de información sobre os lumes serían as veciñas e o drama material e persoal que supón vivir nun rural cada vez máis baleiro. E habería tres preguntas: de quen é o monte, quen o xestiona e quen lle prendeu fogo. Quizais a política de multas e prisión quedaría eclipsada por outra que poña en valor a riqueza do rural e todos os seus recursos. Pero co debate forestal en Galicia faise como nos estados totalitarios cos libros: prenderlle lume.

Comentarios