Opinión

Libros para o verán

Non hai verán sen as súas efemérides anunciadoras de que, efectivamente, gústenos máis ou menos, con vacacións ou sen elas, estamos na época estival. Abrimos calquera suplemento ou revista e aí están, ano tras ano, as receitas de menús abundantes –porque como nos presta xuntarnos en verán arredor dunha opípara comida–, os roubados en roupa de baño das celebridades, os coloridos anuncios das axencias de viaxes e, sen fallar á cita, as listaxes: destinos de moda para viaxar, as máis fascinantes rutas a pé, as mellores festas gastronómicas, os festivais que non podes perder, os solpores máis abraiantes e, agora tamén, cambio climático mediante, os restos históricos que emerxeron baixo as augas ou as mellores praias para ver o mar de ardora. Mais a temática que reina por riba de todas esas elaboradas enumeracións estivais continúan a ser os libros.

Os libros, novos ou clásicos, actuais ou de tempadas pasadas, de primeira ou décima edición, con campaña de promoción ou dende o gusto lector de quen os recomenda, aseguran unhas listaxes de estío renovadas coa promesa dun verán de paz e exploración interior co simple abaneo dunha capa (dura ou branda). As listaxes de verán suxiren illamento, relax e silencio só abaneado polas ondas do mar, o canto dos paxaros ou o murmurio cálido da cotiandade. Hai moito de márketing nas promesas idílicas das lecturas de verán. Cos libros, como cos festivais, as viaxes ou as xuntanzas, acontece que a promesa non depende só da intención. A realidade zóupanos a golpe de axenda, choros de crianzas, encontros con uns e con outros e pezas de louza que non se fregan soas, mentres agosto corre a maratón dos días do convenio laboral e o libro que comezamos naquela praia mira para nós con reproche. A realidade das listaxes é que non nos dá a vida.

Na torre de lecturas pendentes da mesiña de noite amontóanseme dende hai anos varios títulos mercados tras a influencia desas listaxes de libros para o verán. Mentres escribo, unha familia numerosa veranea na parcela do lado e interrompe a miña concentración. As nenas berran, máncanse, protestan. As mulleres que miran por elas o día enteiro recollen, limpan, e os homes van e veñen con caldeiros de auga e sacos de carbón. Están de vacacións cos roles a xornada completa. Non hai libros nin espazo para eles. Onte conseguín rematar a sexta lectura deste verán. Iso si que foi unha efeméride.

Comentarios