Opinión

Libros confinados

Poucas imaxes se me perfilan máis atractivas que a de Emilia Pardo Bazán lendo. Imaxínoa reclinada nunha butaca tapizada con veludo da biblioteca de Meirás, e a saia facendo ondas desde o asento ata varios centímetros máis alá ao longo do chan mentres a luz entra pola ventá. Pensar en toda a literatura que nesas mañás e tardes pasaba polas súas mans complementa o cadro nunha pincelada de delicia. Mais saber que esa colección patrimonial forma parte do espolio da familia Franco causa desacougo.

3.200 libros propiedade de Bazán continúan nun Pazo de Meirás aínda okupado pola familia do ditador, o mesmo que cometeu bibliocausto facendo arder milleiros de obras na fogueira como parte da súa particular barbarie –quen sabe se tamén algunha da propia escritora. Os libros de dona Emilia, inventariados grazas á Real Academia Galega por iniciativa de Xulia Santiso, directora da Casa-Museo da autora, habitan aínda nun contorno en disputa. A Academia, a piques de publicar o inventario de toda a biblioteca, solicitará á Xunta a calificación de ben de interese cultural para poder recuperar todas as obras.

Na eterna supuración dunha ferida soterrada, pero non por iso menos aberta, constatamos que os Franco continuarán ata o último suspiro para evitar que lles arrebaten o espoliado. O deber do pobo non é outro que reclamar e recuperar o que por dereito lle pertence. Porque non hai peor reclusión para a dignidade e a memoria que unha biblioteca confinada.

Comentarios