Opinión

Lendas propias

O espírito dunha galega campa cada noite polos xardíns da Quinta das Lágrimas, en Coímbra. A lenda di que, se unha espreita pola contorna do lugar onde Inés de Castro foi asasinada, alá por 1355, pode escoitar aínda o pranto de amor mutilado desta nobre da Limia que un día foi enviada como doncela á corte portuguesa. Nas pedras da Fonte das lágrimas pode percibirse unha intensa cor vermella, xusto na contorna do lugar onde foi apuñalada ata a morte por orde do rei Alfonso IV. Cometera o delito de namorar ao seu fillo Pedro, herdeiro ao trono.

A lenda non verificada, mais non necesariamente incerta, que envolve a historia de Inés de Castro, vai aínda máis lonxe. Contan que, cando Pedro sucedeu ao monarca, a converteu na raíña cadáver de Portugal. Mandouna exhumar e púxoa no trono, ordenando a toda a corte que bicase a súa man. Tras darlle sepultura no Mosteiro de Alcobaça, nunha tumba tallada en mármore, o rei pediu que, chegado o momento, o enterrasen ao seu carón para que a primeira imaxe que vise ao resucitar fose o rostro de Inés.

Unha escapada a Portugal pode aportar unha boa lección de historia mesturada cunha arrepiante lenda cargada de exacerbado romanticismo e necrofilia.

Unha lenda que non deixa de ser parte da nosa propia historia, a pesar dos quilómetros de distancia entre a comunidade portuguesa e a galega e da insistencia dalgúns por ocultala. Portugal está por descubrir, mesmo para descubrirnos a nós mesmas. Hai unha limiá chorando para sempre en Coímbra.

Comentarios