Opinión

Lembraremos?

Cando escoitamos a palabra coronavirus por primeira vez non imaxinamos todo o que nos podería quitar. A saúde, a calma, a liberdade de ir pola rúa, o acceso normal á sanidade, as visitas aos avós, as reunións para todo e para nada e o sorriso das familiares que traballan en hospitais e centros de saúde ao chegar a casa. Pero se hai algo que esta pandemia non nos poderá quitar é a memoria, un dereito que garda moitos dereitos.

O dereito a unha sanidade con recursos suficientes, tamén para unha situación de alarma con millóns de persoas en risco. Que non haxa profesionais saturadas que se vexan na obriga de mandar para casa as pacientes non graves. Os aplausos nos balcóns están moi ben, pero non tanto como evitar saturar as urxencias, non votar partidos que recortan en sanidade ou pagar –quen pode facelo– ás que máis que dar un servizo fan negocio coa saúde. Lembrémolo.

O dereito a non ir traballar por estarmos expostas a un risco que nos transforma nun perigo para o resto. E tamén a obriga de sentar e pensar para non sinalar á traballadora que vai facer o seu turno, senón á empresa que decide saltarse todas as recomendacións para protexela. Ou á que o intentou ata o final. Anotemos ben os seus nomes para cando isto pase, que pasará.

O dereito a unha información rigorosa na que ninguén se disfrace de voz experta e dé voz ás persoas que sí o son. Tamén a subir o ton coas que nos queren alporizadas e esparexen todo o día a alarma con datos esaxerados e historias melodramáticas. Memoricemos porque a memoria é un dereito de dereitos. Mais aínda dubido se lembraremos.

Comentarios