Opinión

Iogures caducados

Oprimeiro luns de xaneiro de 2022 acordei coa vibración do teléfono móbil contra o vidro da mesiña de noite. Odio espertar así, atordada por un estímulo violento, especialmente cando estou de vacacións. Foi ese o motivo polo que non atendín a chamada. Dei a benvida ao primeiro día laborable do ano incorporándome na cama cunha chamada perdida e mil hipóteses de desasosego na cabeza para tratar de adiviñar que podía querer dicirme o caseiro un 3 de xaneiro. Entre todas elas –incendio, inundación, algún asunto económico, roubo ou intento de okupación–, acertei o premio gordo.

"Como ya es el tercer año que vives aquí, te voy a aplicar el IPC en el alquiler del piso". A venda do favor chegou, efectivamente, tres anos despois de que mercase o estudio de 43 metros cadrados que eu levaba xa preto de dous habitando. O meu, e algún máis do edificio, sumábanse a unha pingüe colección de inmobles da súa propiedade. A cambio de non subir nese tempo o prezo do alugueiro, desentendeuse a noite que a billa comezou a perder auga sen parar, e convidoume cordialmente a marchar cando, ao inicio da pandemia, preguntei se cabía algún tipo de excepción coa mensualidade, xa que o confinamento me collera noutra vivenda e noutra cidade. O certo é que o temido momento de ter que pagar máis que a media de habitantes da cidade por un diminuto apartamento onde seica teño como vantaxe vivir soa acaba de chegar.

Calquera na miña situación coñece ben o privilexio que supón vivir sen compañía. Como se vivir soa fose sempre unha decisión, ou como se non puidese selo, nas mesmas condicións que a contraria. Aprendemos que o peso do metro cadrado é moito máis lixeiro no peto cando se carga en común. Tamén á hora de ir ao supermercado e constatar que o lote completo de iogures sae máis económico que mercar un par. Aínda que, na regalía da nosa independencia, acabemos comendo a maioría deles cando xa pasou a data de caducidade.

Moito me lembro do profesor de matemáticas que, anos antes da crise das hipotecas lixo, dedicou un trimestre a explicarnos o famoso Índice de Prezos de Consumo. Máis alá da fórmula, quixo aprendernos que a vida tiña un prezo, e que ese custo nin era fixo nin se adaptaría en ningún caso á nosa situación económica. O que aquel mestre non podía ensinarnos é que había que facer para sermos os arrendadores das persoas que comen iogures caducados.

Comentarios