Opinión

Intrusas

Querida Sanna, agardo que non che moleste que te tutee. Non podo evitar facelo despois de ver un vídeo no que apareces despreocupada, feliz e moderadamente desinhibida bailando nunha festa coas túas amizades. Nel puiden verme a min mesma nunha situación moi similar en tempos moi felices que xa case non podo lembrar, porque un día borrei ducias de fotos convencida de que ao velas ninguén me ía contratar.

Perdoa por sumar visualizacións a un documento que pertence ao teu ámbito privado, pero seguro que entendes como van estas cousas. Mira que me concentrei en desconectar do mundanal ruído en varias praias por aí agochadas, e aínda así non fun capaz de esquivar os chíos e as novas nos medios de comunicación sobre os 28 segundos de gravación desa festa que te pegaches. Eses bailes de discoteca, ese perreo no chan, esa exaltación da amizade... Que tan lonxe e tan preto pode estar unha dunha primeira ministra.

Vin como algúns colegas que romantizan a diario o consumo de alcohol e cocaína nos seus artigos te acusaban de consumir drogas. Algún fixo referencia de xeito máis ou menos sutil a esa palabra de catro letras coa que tanto nos agasallan ás mulleres. Lin como eses señores e os membros da oposición se lanzaron en tromba a poñer en dúbida a túa capacidade para gobernar Finlandia e lin tamén como te defendías de todos eses ataques e como facías un test de drogas porque aínda hoxe é necesario dar explicacións publicamente polo que facemos na nosa vida privada, sobre todo cando es muller. O persoal é político, iso xa o sabemos. O problema é que continúa a selo cincuenta anos despois daquel ensaio de Carol Hanisch.

Faise inevitable lembrar ao teu colega no Reino Unido e na avalancha de memes que lle caeu polas súas festas mentres o mundo estaba pechado na casa. Falaban de escándalo todo o tempo mentres rían das súas peripecias, do seu cabelo revolto como se acabase de saír da cama despois dunha noite de troula, pero ninguén cuestionaba a súa capacidade para gobernar. Festas, cocaína, mozas... Cantas veces van xa na esfera masculina? Cantas con diñeiro público? Cantas cuxo contexto real nunca chegamos a saber? Porque eles, estimada primeira ministra, poden ter unha vida fóra do despacho e seguir sendo capaces. Eles poden porque sempre estiveron aí e é o espazo que por dereito nos dixeron que lles pertence mentres nós seguimos a ser unhas intrusas nun mundo de homes.

Comentarios