Opinión

Insólito

Tomámoslles a palabra. Dixeron que viría unha nova normalidade á que afacernos para despois poder volver á outra, aquela na que respirabamos sen filtros e intercambiabamos cuspes no fragor das conversas de bar. Nova normalidade, pero temporal, prioritaria en todo e diante de todo, nun exercicio de honorable sacrificio para que puidese chegar o día de deixala atrás. E tomámoslles a palabra. O malo que ten o insólito é que pasa a ser normal cando se mantén no tempo. Iso é o que non agardabamos, e non podíamos agardalo porque nunca, nin en abril nin en maio nin en outubro, nunca puidemos saber, se cadra só sospeitar, canto se prolongaría.

Chegamos ao aniversario, miles de mortas e de desentendidas sociais despois, e aquí é onde se evidencia o desengano. A política, lonxe de tender a man, priorizar a prioridade e aproveitar a tesitura para mudar os parches da crise de 2008 por modelos exemplares contra a precariedade, a contraexcelencia e a depresión, dedícase a rifar polo posto. Mocións de censura, reproches, golpes baixos e consignas de plató de Mediaset. Tanto ten que veñan de Díaz Ayuso, Iglesias, Errejón, Cantó ou un señor de Vox de Murcia.

No medio do espectáculo, sabemos que o grupo empresarial DomusVi mantén un acordo comercial cunha funeraria pola que esta cobraría 700 euros de comisión por cada familia de residente finado que contrata os seus servizos. Néganse a desvelar os pagos de 2019 e 2020. De 70.000 falecidas en España, máis de 30.000 morreron en residencias de maiores. Pero o escándalo está en Madrid e este insólito debe ser do máis normal.

Comentarios