Opinión

(In)divisíbeis

Ás portas do terceiro 8 de marzo masivo, dous anos despois daquela explosión que levou ás rúas unha marea violeta chea de esperanza, moitas sentimos o cansazo de ter que esixir, outra vez, que nos traten como iguais. Que nos escoiten nunha reunión. Que non nos endosen as tarefas domésticas e os coidados. Que non nos violen nin nos acosen. Que nos paguen o mesmo polo mesmo traballo. Pero alí estivemos de novo sen nos render, facendo cartaces, berrando xuntas co puño en alto ou collidas da man. A ama da casa, a empresaria, a traballadora precaria, a avoa que coida e a coidadora da avoa. E ao erguérmonos o 9 de marzo temos que escoitar nos medios que o movemento feminista está dividido.

Non sei en que momento comezamos a considerar movemento feminista a Carmen Calvo e Irene Montero e a súa suposta mala relación que, permítanme a incursión na politoloxía, vive máis nas grandes corporacións que no Goberno; a Lidia Falcón e o mal chamado Partido Feminista que fai apoloxía da transfobia; ou a Begoña Villacís e Inés Arrimadas, que hai dous días renegaban do feminismo e hoxe bautizan un “feminismo liberal” que consiste en incendiar e tratar de dividir para poder dicir que o colectivo está dividido.

Que velenoso é atribuír ao movemento feminista o grafiti que amenaza as “abolas” ou á tuiteira que chama “pallasas” ás que cantan e bailan facendo do 8M “un entroido”. Que marrán e rastreiro disfrazar unha loita social como unha refrega na lama. A manipulación é tan contaxiosa como o COVID-19, pero o movemento feminista é un gran muro de contención. Mal que lles pese, somos indivisíbeis.

Comentarios