Opinión

Impostora

Non lembro cando comezou, pero si como. Quería elaborar un par de artigos semanais. Quería facer un podcast. Quería escribir unha novela. E era incapaz. Despois de moitos anos de doses altas de motivación que confluíron en moreas de proxectos, foi como se todo o entusiasmo se esfumase para sempre, como unha batería esgotada e irrecargable. Busquei inspiración na rede, nos libros. Subscribinme a xornais e revistas de temática social e cultural. Fixen amizade con persoas talentosas e inspiradoras. Pero o único que conseguín foi un sentimento terrible de frustración e congoxa ao constatar que “todo o mundo” era máis capaz, máis brillante e sabía máis ca min.

Cando descubrín que o que me pasaba tiña nome, puxen a primeira pedra da miña reconstrución. Unha reconstrución que era, en realidade, máis persoal que outra cousa. A síndrome da impostora caeume como unha lousa dende a boca dunha profesional, que sentenciou que o problema nacera, vivía e se acomodaba en min, devorándome como o verme as raíces dunha árbore. E tiña, ademais, un importante sesgo de xénero. Chimamanda Ngozi Adichie explica que, por ser muller, non puido chegar a delegada da clase, pero non souben ver ata que punto o que narraba era estrutural e como me afectaba.

Durante o proceso coñecín a moitas persoas que se senten impostoras nun mundo de talentos, o que non fixo desaparecer o conflito. Porque non todas temos axuda nesta sociedade de benestar na que nos fan crer que vivimos, mentres vomitamos os nosos demos a 70 euros a sesión. Xa é hora de que confesen que os verdadeiros impostores son eles.

Comentarios