Opinión

Fraternidade

Lembro con máis ou menos exactitude o día que descubrín que Galicia vivía de costas ao país veciño. Cando as nenas e os nenos aínda podían xogar na rúa e rebozarse polo chan nunha revolta libre e salvaxe e eu estaba en idade de facelo, atravesei por primeira vez a raia que nos separa do país co que compartimos nada menos que a lingua nai. O país que, estrañamente e para mal, algúns identificaban co Celta e con Vigo; onde as mulleres, dicían na televisión, tiñan bigote e os homes eran rudos e descoidados.

Portugal tiña unha fronteira imaxinaria, como todas, pero absurda a ollos dunha nena. O primeiro no que reparei foi en que a rapazada coa que xogaba ao outro lado da raia falaba igual que a de “Sás”, e iso fíxome crer aínda menos na liña invisible e nos desprezos, como o que sufrín no colexio o día que na clase de Coñecemento do Medio dixen que as rúas estaban sujas.

Se a crise de 2008 puxo de manifesto que os países do sur non podiamos vivir de costas entre nós, a nova ensínanos que non hai motivos para pensar que o norte ha de ser sempre e por defecto o espello civilizador no que mirarse. Portugal leva uns poucos anos sendo exemplo recorrente para moitas cousas, pero cada 25 de abril dende 1974 dános a importantísima lección de que se pode progresar sen deixar a naftalina nos armarios do Estado. E que un himno de liberación popular pode falar de amizade, de liberdade e de fraternidade sen alusións ás armas, aos vencedores e aos vencidos.

Em cada esquina um amigo. Como os nenos cos que xogaba en Guimarães o día que descubrín que a casa tamén está ao outro raio da raia.

Comentarios