Opinión

Famevirus

O que vemos na imaxe é moito máis que un edificio de formigón de 14 plantas e 110 ventás nun dos barrios máis pobres de Bogotá. É un deses inmobles humildes que lembran a un panal de abellas, con fiestras no canto de celas e varios metros cadrados para persoas que, máis que vivir, sobreviven. Neste bloque de vivendas non hai raíñas nin mel nin nada que teña valor. Só unha disposición aleatoria de farrapos vermellos que envían unha brutal mensaxe de socorro: nesta casa hai fame.

A imaxe do fotoxornalista Camilo Rozo vén de dar a volta ao mundo por poñer enriba da mesa a mesma problemática de sempre acentuada agora pola crise sanitaria, e zóupanos sen piedade por esparexermos o discurso occidental que promulga a igualdade de desgrazas. Non, o coronavirus non nos afecta a todas por igual. Ter o virus non é ter o famevirus.

Agora que semella que xa nos cantamos todo o que nos tiñamos que cantar polas ventás das nosas casas, comezou a guerra de clases. Acabou a serenata e resistímonos á diferenza, a asumirmos que hai persoas que están a encaixar esta crise moito peor que o resto. Un grupo de iluminados dos que fan moito barullo nas redes tiveron a ben chamar “paguita” á medida gubernamental de ingreso mínimo vital para os colectivos máis vulnerables. Unha medida que o Goberno calcula que podería beneficiar a 3 millóns de persoas, nun Estado no que máis de 12 millóns, a cuarta parte da poboación, están en risco de pobreza e exclusión. En Galicia, o 23%.

Claro que España non é Colombia, pero temos algo en común: as fachadas ventiladas non deixan ver os bloques de formigón.

Comentarios