Opinión

Estefanía

Hai un nome que desde hai unhas semanas é moito máis que un nome. Escóitase na rúa, nos centros de traballo e ata resoou na gala dos premios Goya. Estefanía xa non é un nome, é o exemplo recente e evidente de que vivimos nun universo falocentrista onde unha muller que lle é infiel á súa parella é unha golfa e el, un calzonazos. Estamos –outra vez– diante do inesgotable tópico desta sociedade na que por cada paso adiante que damos, retrocedemos tres.

Para quen ande fóra de contexto, os meus parabéns. No mundo das redes e a TDT non é doado esquivar o desacougante berro “¡Estefanía!” dun mozo que acaba de ver á súa parella liándose con outro nun reality de máxima audiencia. La isla de las tentaciones pon a proba a relación de parellas máis ou menos consolidadas facéndoas convivir, por separado, con outras persoas –de aí as “tentacións”– de notable atractivo físico e nulo intelectual. Isto último non é que o boten en falta, xa que os perfís dos concursantes non denotan inquedanzas intelectuais de ningún tipo.

Son consciente de que toda esta historia é máis do mesmo, pero impórtame porque a principal audiencia do programa en cuestión son mozos de entre 13 e 24 anos, con máis do 46% da cota de pantalla nesta franxa de idade. Persoas que se están a formar emocionalmente mentres reciben a mensaxe do amor como posesión, do sexo como carne e mecánica e da deslealdade como suficiente xustificación para lapidar publicamente a unha muller infiel e cachondearse e acosar ao home que para sempre representará os cornos máis famosos do prime time. A única tentación posible é apagar a tele.

Comentarios