Opinión

Espazos

Eran a man máis rápida. Primeiro foi Carlos e despois Alejandro. O primeiro, nos anos iniciais de primaria. O segundo, en quinto e sexto.

Como se tivesen un resorte, os seus brazos dereitos co dedo índice levantado emerxían mentres a profesora aínda non rematara de formular a pregunta. E por iso, por rápidos e pola ansia de entoar a resposta correcta que non se esforzaban en disimular, eran os escollidos pola docente para responder. Destacaban, pero non eran os mellores. Eu sabíao, mais tiñan a innegable vantaxe de ter resorte. Logo, no recreo, ocupaban máis da metade do patio xunto con outros nenos xogando ao fútbol, sen preocuparse polo abuso de cemento nin pola oportunidade perdida de acertar preguntas do resto da aula.

Chimamanda Ngozi Adichie viu truncado o seu soño de ser a delegada da clase porque ese posto só podía ser ocupado por un neno. Non existe tanta diferenza entre unha nena nixeriana e unha da Coruña. Pregúntome que tería acontecido se, no canto de outorgarlles a eles a quenda de resposta, a mestra decidise abrir o abano de posibilidades ao resto da aula. Quizais sería a ocasión para Carlota, que sacaba deces nos exames, pero permanecía muda no día a día. Ou a miña, que sempre me tiven por unha alumna mediocre, ata que a vida e a teimosía me ensinaron a valorar as miñas capacidades. Ou quizais, no peor dos casos, Carlos e Alejandro poderían optar por disfrazarse de nenas, como se dunha candidatura a un Premio Planeta se tratase, para seguir monopolizando un espazo que, imaxino, crían que lles pertencía. Dirán que son cousas de nenos.

Comentarios