Opinión

Do zulo un fogar

43 metros cadrados convertéronse na miña casa cando por fin fun quen de independizarme. Un salón-dormitorio-cociña, un baño e unha entrada en forma de estreito corredor, nunha sorte de estrutura en forma de U que impedía ver unha cama nada máis entrar pola porta; calefacción por acumuladores, luz exterior e lavadora. Era un zulo, mais un zulo xeitoso. Tiña todo o que unha persoa de vintemoitos anos podía necesitar para vivir, agás unhas cortinas, un fornelo, un par de coxíns e flores artificiais, unha funda nórdica bonita e montóns de libros que, nun breve proceso de personalización, acabaron por facer do zulo un fogar. O prezo, ata hai dous meses, non alcanzaba os 400 euros.

Un dos motivos principais polos que accedín a vivir nun espazo tan pequeno foi a miña decisión de vivir soa, aínda que sabía que ese desexo había que pagalo. Ás persoas que vivimos soas, o sistema capitalista cúspenos o privilexio en forma de alugueiro desorbitado. Ao sistema non lle importa se vivir en soidade é unha imposición social para as que chegamos coa urxencia de instalarnos nunha cidade onde non coñecemos a ninguén, se non hai unha parella con quen compartir gastos ou se temos que vivir nun espazo 100% propio por prescrición terapéutica para a nosa saúde mental. A renda, a electricidade e a auga, facer a compra co xusto e necesario para que a comida non se estrague… O mundo non está pensado para que vivamos soas, e a independencia ten un prezo que eu paguei relixiosamente durante un lustro.

Cando unha se instala nun zulo, espera que co tempo a situación mellore e algún día sexa posible vivir nun piso ou unha casa como eses que habitan dende hai moitos (moitos) anos persoas que coñecemos. Un fogar de verdade, onde facer unha festa de inauguración e convidar a cear e a durmir a varias persoas se nos dá a gana. Pero cinco anos despois, o salario é o mesmo e a vivenda é aínda máis cara. Fago números e comprobo frustrada que, en parella, vivir sería moito máis que digno por menos do que vale o zulo. Os números lévanme de novo ao abano de pisos de 20 a 45 metros cadrados, pero xa non hai zulos xeitosos por menos de 400 euros. Hainos fríos, escuros, vellos, de cociñas infames, pratos no chan facendo as veces de ducha e paredes comidas pola humidade. Para a independencia non hai esperanza. Toca facer, de novo, do zulo un fogar.

Comentarios