Opinión

Dicir e existir

No espazo da gran conversa unha muller optaba a gañar o festival europeo das cancións. Xa existía antes de todo iso, pero non na rede social, onde ata hai uns meses ninguén comentaba como baila, como se expresa nin como vai vestida. Todo o que sabemos dela concentrouse nos últimos 100 días das nosas vidas, da súa. Imaxínoa lendo cada insulto, cada opinión crispada e cada aseveración rotunda mentres pensa que ela existe e, ao mesmo tempo, non; que a xente fala dela coma se fose un holograma que canta e baila na televisión, e non unha persoa. Gustaríame preguntarlle se esperaba este éxito cando o seu nome aínda non estaba na caixa onde se suceden as arrobas, e se, a cambio de estar permanentemente na gran conversa, contemplara nalgún momento todo o odio que estaba a piques de recibir. Máis adiante, preguntaríalle se pagou a pena, se cre que se falou suficientemente da música, que era, ou debería ser, o gran tema central de discusión nun certame así.

No espazo da gran conversa estalou tamén a guerra, aínda que doutro xeito. En Ucraína caían bombas e, no Twitter, asercións rotundas. As máis, dirixidas con condescendencia a quen se empeñou en defender a paz. Pensei naquela profesora de política internacional que nos explicaba como os estudos sobre o diálogo e a resolución de conflitos quedaban enterrados polas aspiracións bélicas das grandes potencias, empeñadas en xustificar as invasións de todos os xeitos posibles. Unha das maneiras máis comúns de lexitimar as guerras era amosar a crueldade do bando inimigo cando o conflito xa comezara: xustificaban a guerra pola brutalidade da guerra mesma. Algo parecido pasa nas redes sociais. Mentres todo o mundo tiña algo que dicir cada día, aquela profesora á que eu quería ler dosificaba e medía cada chío. Ata que un día calou e desapareceu.

No espazo da gran conversa hai varios meses que xa non está unha boa amiga. Decidiu marchar por vontade propia, saturada desa hiperactividade asertiva capaz de saltar dun tema a outro sen profundar en ningún. Hai pouco escribiu un email e respondéronlle aliviados que pensaban que lle pasara algo; asumiran que deixara de traballar e quen sabe se algo máis. Ela seguiu levantándose todos os días á mesma hora, indo ao traballo, dándolle de comer ao gato e baixando a tomar unhas cañas. Pero aquel día que marchou, desapareceu. "Tía, acabo de decatarme de que deixei de existir".

Comentarios