sábado 23/01/21

Desexos e dereitos

Miguel Bosé e Nacho Palau mercaron catro nenos. Non catro coches nin catro vivendas na Moraleja. Catro nenos pequenos para satisfacer o seu desexo de ser pais. Un desexo que eles, seguramente convencidos da súa capacidade de ser uns bos proxenitores, confundiron desde o inicio cun dereito, ata chegar ao día de hoxe: unha ruptura, unha pugna e un xulgado que ditamina que os pequenos deixan de ser recoñecidos como irmáns porque un dos pais, Bosé, decidiu que só ía selo de dous deles.

En España, mercar menores está permitido. Non me malinterpreten. Unha persoa non pode acudir legalmente a ese grande eufemismo que é a xestación subrogada, ou ao concepto deshumanizador que son os ventres de alugueiro que tapa a realidade das mulleres con poucos recursos que xestan, paren e desaparecen, para comodidade do consumidor. Está permitido porque calquera pode mercar unha nena ou neno fóra e presumir publicamente, a bombo e plató, de que o fixo, sen recibir unha reprimenda pública e moito menos unha sanción.

No canto diso, coñecemos os nomes dos catro cativos, sabemos quen son fillos biolóxicos de cada un, somos testemuñas da súa viaxe a Disneyland París e lemos –e temos que acatar– que, despois de toda unha vida xuntos, deixan de ser irmáns. Na fábrica dos soños do capitalismo, os desexos e os caprichos na súa máxima expresión veñen de propiciar a deshumanización da xustiza. E promulgan ao mundo que unha persoa pode mercar outra e decidir cando pode ou non pode ter unha familia.

comentarios