Opinión

Desamor 'couché'

A diferenza de como comeza, o amor remata facendo ruído. Esa adoración, ese ascenso aos altares, esa suspensión no aire que nos eleva en todos os sentidos literais e metafóricos nos que pode elevarse un ser humano, derrúbase dende tan alto que ninguén pode amortecer o golpe. O amor anula tanto o medo que ninguén pensa no brutal que será a caída mentres está subindo, absolutamente ninguén. Nin sequera as persoas máis famosas, máis asesoradas e con máis seguidores nas redes sociais son quen de librarse da intensa dor e o forte estrondo do desamor, porque o amor, mais sobre todo o desamor, ten un compoñente igualador que nos fai tan ditosas ou desgraciadas coma todas as demais.

O desamor chegoulle a unha das mulleres con máis portadas de revista e a un dos xuíces máis mediáticos da Audiencia Nacional tras anunciar o seu compromiso; á cantante que tantos temas lle dedicou ao futbolista que lle marchou con outra vinte e dous anos máis nova; á devota marquesa que escolleu un relambido que resultou ser un peixe e un mentireiro de medio pelo; á relación cuxo amor vimos nacer nun reality musical e morrer ataviado cun chándal gris no portal dun edificio de Barcelona, e ata a unha das parellas máis omnipresentes, estoxadizas e prosmeiras das redes sociais, que un día crearon un cancelo atroz para acompañar a hiperglucemia e agora anuncian a súa separación coma quen deseña un slogan de Mr. Wonderful.

Quen nos dera acaparar todos os flashes cando estamos tan namoradas que desexariamos promulgalo aos catro ventos, pero canto agradecemos estar lonxe deles cando o amor nos cae enriba e nos esmaga. Non hai obxectivos ante os que posar nin eventos ineludibles aos que asistir. O anonimato é o que nos salva cando nos inchan os ollos e nos pingan os mocos no nariz e podemos dicir que é gripe, cando o corpo nos pide unha maratón de series que nos distraia desa dor no peito e da beliscadura constante na boca do estómago. Temos o privilexio de borrar esas fotos que hoxe nos proen sen dar máis explicacións nin redactar concienciudos comunicados de forzada cordialidade cando o único que queremos dicir é lárgate, desaparece, non quero verte diante. Gozamos da satisfacción de albiscar esa revista e sentir comprensión e alivio ao mesmo tempo porque no desamor somos iguais, pero só no que vai por dentro. Sabémolo. A nós non nos perseguirá toda a vida ese chándal gris no papel couché.

Comentarios