Opinión

(Des)Control

O audio de Whatsapp correu como a pólvora en moi poucas horas de dispositivo en dispositivo. Era, esta vez, un porteiro de discoteca que traballa en varios locais de ocio da Coruña. “Os podéis reír del Fuenlabrada”, di o delator, posiblemente sen saber que a súa gravación chegaría a tanta xente e que o famoso vixilante, tristemente identificado pola cor da súa pel, quedaría sinalado por unha cidade enteira.

As novas non tardaron en confirmar os feitos, que era o único que interesaba a unha gran parte, co dedo índice xa preparado e aquel alporizamento do mes de abril que rexurdiu ao ritmo dos rebrotes. É o que ten descontrolar nos brazos da noite no medio dunha pandemia: a culpa sempre é do resto. Pero as traballadoras da noite coruñesa fixérono ben: unhas illaron, por precaución, algunha profesional; outras manteñen activo o ERTE por se houbese que pechar; algunhas decidiron non abrir ao seren coñecedoras dalgún síntoma. En definitiva, fixeron o que tiñan que facer ao vérense obrigadas a controlar un descontrol.

Hai unha cousa que dá máis medo que a pandemia: o control ao que nos veñen de someter polo mero feito de facer as nosas vidas e a batalla cruzada de dedos sinaladores con puntería de escopeta de feira trucada. Propuxeron unha aplicación que nos di quen dos nosos contactos tivo ou ten coronavirus e, abraiadas pola modernidade, pareceunos fantástico. Abriron as discotecas con restricións contraditorias e absurdas e saímos en masa, como faciamos cando o máximo que podiamos contaxiar era a estupidez. Pero que imos facer, se a culpa sempre é do resto.

Comentarios