Opinión

De fóra

O turismo non é o principal motor económico de Galicia. Visto o visto, podemos dicir que por sorte. Non só pola posible expansión do coronavirus, que tamén, senón por un modelo low cost que desde hai anos se vén enquistando no sur de Europa. Mais en Galicia sabemos que o verán non sería verán sen os fodechinchos. Publicamos imaxes dunha horda de visitantes levando navallas, berberechos ou mexillóns en cubos XXL e aínda temos que aturar que nos chamen madrileñófobos. Porque, galegas, unha cousa é furtivismo e outra, autoconsumo.

O modelo turístico é causante da imposibilidade de alugar un piso en Compostela. Dos envases de pizza ciscados na rúa do Vilar. Dos peregrinos que entran no Obradoiro berrando como fans de Justin Bieber. É o que fai que un ultradereitista pseudoxornalista de Madrid se achegue calquera día a Panxón a gravar como amoesta a un traballador ambulante.

“Os que veñen de fóra non teñen a culpa da expansión do virus”, leo nun medio estatal. Era, en contra do que pensaba, un artigo na defensa da inmigración tras a proliferación de casos de racismo. Como o de Tunte, a localidade de Gran Canaria –e capital do maior municipio turístico das illas por número de camas­– onde un grupo de persoas fixeron barricadas para impedir a chegada de inmigrantes a un centro. “Nos llaman racistas por no querer que nos llenen de Covid”, declararon.

Chegado este verán de incertezas temos un problema máis grande que os fodechinchos e o turismo a baixo custe: a crenza de que toda persoa que ven de fóra é igual. O neofascismo sempre ten as súas trampas.

Comentarios